miércoles, 13 de abril de 2011

cunetas:::

sons

¡Outra vez, outra vez o terror! Un dia e outro dia, Sen campás, sen protesta. Galicia ametrallada nas cunetas dos seus camiños. Chéganos outro berro. Señor ¿que fixemos? -Non fales en voz alta- ¿Ata cando durará este gran enterro? -Non chores que poden escoitarte. Hoxe non choran mais que os que aman a Galicia- ¡Os milleiros de horas, de séculos, que fixeron falta para facer un home! Teñen que encher ainda as cunetas con sangue de mestres e de obreiros Lama, sangue e bágoas nos sulcos son semente.


Docemente chove. Enviso, arrodeame unha eterna noite. Xa non terei palabras pra os meus versos.


Desvelado, pola mañá cedo Baixo por un camiño. Nos pazos onde se trama o crime Ondean bandeiras pingando anilina. Hai un aire de pombas mortas. Tremo outra vez de medo. Señor, isto é o home. Todas as portas están pechadas. Con ninguen podes trocar teu sorriso. Nos arrabais bandeiras batidas e esfarrapadas. Deixa atrás a vila. Ti sabes que todos os dias hai un home morto na cuneta que ninguén coñece ainda Unha muller sobre o cadaver do seu home Chora. Chove. ¡Negra sombra, negra sombra! Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra, Mais alá da neboa, Mais alá do mar, Mais alá da chuvia, Mais alá do bosque.